"Somos a periferia da periferia"
Xosé Luís Barreiro Rivas (Forcarei, 1949) é un recoñecido politólogo que nos 80 exerceu como vicepresidente da Xunta a carón de Gerardo Fernández Albor. Logo de dimitir deste cargo e causar baixa no Partido Popular, militou en Colación Galega dende onde apoiou a moción de censura que o faría de novo vicepresidente. Da súa xestión política, cómpre salientar o seu papel na redacción da Lei de Política Lingüística e na creación da Compañía de Radio e Televisión de Galicia.
1. ¿Os políticos están para vivir pola sociedade ou da sociedade?
Algo das dúas cousas. Os políticos teñen os seus compromisos pero tamén os seus intereses. Normalmente, ser político implica ter unha profesión que exerces coma calquera cidadán, e despois es sacado dese contexto temporalmente para cumprir unha función pública coa que se obtén compensación. Inda que ultimamente, as carreiras políticas prolónganse estrañamente.
2. ¿Que está a pasar no eido político: corrupción nun partido, ostentación noutro e a crise para os cidadáns?
A política é un recurso importante para crear sociedades libres, pacíficas, ricas e democráticas, funcións notables cando as sociedades teñen verdadeiros problemas. Porén, nos momentos de estabilidade, o político parece prescindible e por tanto, a política perde adestramento. Isto é o que está a pasar, levabamos unha etapa moi boa sen ter escola, e agora estamos nunha crise ante a cal hai unha clase política bastante deficiente.
3. ¿Galicia é politicamente a comunidade autónoma máis esquecida?
En parte si, e ten explicación. A Galicia só se vén para vir a Galicia, pero non se pasa por ela. Cando un está en lugares de paso, políticas infraestruturais, autovías, trens etc. véñenlle dadas. Somos a periferia da periferia, o que supón unha gran dificultade. Pero tamén temos problemas propios, como a dispersión da poboación e a falta de sentido da solidariedade do común.
4. Politólogo e profesor da USC, teño que preguntarlle sobre o seu parecer en canto ao plan Boloña
Eu estou de acordo coa definición e os obxectivos do Plan Boloña, son moi europeísta e polo tanto penso que o futuro da universidade europea pasa por unha unificación de plans, ademais dun intercambio nas carreiras. Porén, non vexo ben a maneira en que se implantou, debería ter sido dunha forma máis ríxida e rápida. É dicir, sen significar menos democracia, debería haber menos asemblearismo.
5. ¿O estatuto actual precisa ser modificado?
Por un procedemento ou por outro, todas as normas deberían ser modificadas algunha vez. Levamos 28 anos con este estatuto, a situación non é a mesma que no 81 e polo tanto si, debería ser modificado. No entanto, penso que inda que é unha reforma necesaria, non é o problema máis urxente de Galicia, xa que o estatuto estanos a dar seguramente, máis capacidade da que estamos empregando.
6. Membro do partido popular, vicepresidente da Xunta tripartita presidida polo socialista González Laxe, militou en Coalición Galega e non hai moito publicou un libro vinculado ao Bloque Nacionalista Galego: “Vontade de nación, unha conversa con Anxo Quintana”. ¿Cales son as ideas reais de Xosé Luis Barreiro Rivas?
[ Pensativo ] Eu tiven dúas militancias na miña vida, o Partido Popular e Colación Galega, que non son especialmente distintas. Polo que non fixen un gran percorrido ideolóxico, e si unha variación do encadramento partidario que provocou grandes convulsións, das que fun o gran perdedor. Na actualidade, sigo sendo un liberal moi claro. Con Anxo Quintana, comparto cousas pero noutras estou moi distante.
7.¿Cales foron as razóns reais que o levaron a dimitir da súa primeira vicepresidencia e a apoiar a moción de censura contra Fernández Albor?
Non vou dar unha resposta longa, quedará pouco explicado. Dimisión e moción de censura son procesos distintos, inda que unha é consecuencia da outra. Cabe dicir, que o Partido Popular daquela, estaba formándose e facía permanentemente coalicións. En 1985, a coalición comeza a ter fisuras e a tratar de conformar unha alternativa ao Partido Popular. Consultei co presidente e díxome que o resolvese eu, o que tomei como unha ruptura práctica entre os dous. Isto foi a conxuntura, pero pasaran outras cousas. Todo isto, non tería sido tan traumático se o Partido Popular non se lanzase por min, o que me fixo dimitir e saír do partido. A moción precisa doutro discurso.
8. ¿E se tivese chegado a ser presidente?
Teoricamente tiña as maiores posibilidades de selo, pero a verdade nunca o pensei como unha cuestión inmediata. Se chegase a ser presidente mandaría, claro. E supoño que non mandaría mal, teño idea de que sería un bo presidente.
9. ¿É democrática a posibilidade de que dous partidos diferenciados formen coalición para desbancar a outro partido que conta con máis apoio cidadán?
O sistema parlamentario é o que é, pódese cambiar pero o que non se pode é xogar ao tute coas normas da birisca. En España gobernan as maiorías parlamentarias, pero o que non é lóxico é pactar con gran distancia ideolóxica. É o caso do País Vasco, co que estou alucinando, en que pactan entre perdedores e ademais, con diferenzas obvias. Todos os que protestan contra a formación dunha coalición, fana cando lles favorece.
10. ¿Por que existe o tsunami bipartidista e non se conta cos demais partidos?
O certo é que funcionamos dende a primeira elección, como un bipartidismo imperfecto. A norma electoral, na forma en que se organizan as eleccións, favorece os grandes; ao financiar a difusión en función do último resultado, non é posible que un partido entre pola base. Deste xeito, o sistema público dálles grandes posibilidades ao PP e ao PSOE e aos demais case nada, favorecendo á simplificación do sistema e o continuísmo que hai.
11. Este ano falouse de campaña sucia…
Creo que a campaña foi sucia, en tanto que houbo mecanismos de desprestixio de persoas. Pero a sucidade, foi introducida pola prensa de Madrid, o que supón unha destrución abusiva do modelo de discusión política que había na sociedade galega. E iso quere dicir, que somos enormemente débiles. A min pasoume en parte iso, na campaña que me destrúe politicamente no 90. E é que cada vez que as comunidades autónomas gañan autonomía nos seus sistemas políticos internos, pensan que España entra en perigo.
12. ¿Tivo moito que ver a prensa nos resultados?
O resultado era difícil de predicir, estaba moi equilibrado. Inda que non é corrente que un poder sexa desbancado nas primeiras seleccións, a división interna do tripartito, a crítica mutua e a vixilancia entre os dous partidos explícao. A prensa, non ten capacidade de cambiar un resultado a longo prazo, pero cando o balance está moi equilibrado, ten o poder de cambiar o resultado no último minuto.
13. ¿Pensa que o Partido Popular vai desfacer os logros, se é que os houbo, acadados polo bipartito?
Penso que o bipartito non ten especiais logros. Porén, desta vez Núñez Feijóo apuntou a dúas cousas moi concretas, que son o decreto de aplicación da Lei de normalización lingüística no ensino, para darlle maior oportunidade ao bilingüismo a favor do español, e a outra é a revisión do concurso eólico. Inda que eu creo que se equivoca nos dous casos, pero a sensación é que o vai facer.
14. ¿Rajoy ou Gallardón?
Eu xa os coñezo os dous dende hai moito tempo porque cando eu estaba, xa estaban eles. Agora non teño relación especial con ningún dos dous, con Gallardón, ningunha. Pero todo o mundo que está nun partido ten filias e fobias. Sen lugar a dúbidas, Mariano Rajoy; Gallardón paréceme un repugnante, no sentido galego da palabra, de capital. E isto resulta insoportable para min.
15. ¿Segue viva a figura política de Manuel Fraga Iribarne?
Para min non, haberá alguén que pense que Atila tiña algunha posibilidade. É dicir, neste momento é un perfecto esquecido da política galega da que non marchou hai máis de catro anos, a pesar de que segue sendo senador.
A min paréceme que na carreira política de Fraga, é unha visión moi persoal, os últimos oito anos son absolutamente deprimentes e, por tanto, creo que non se perde nada.
16. Porén, vénseme agora á cabeza un cartel que se difundiu nas eleccións en que está Manuel Fraga manexando unha marioneta que é Núñez Feijóo. Nese aspecto…
Si, era un bo argumento electoral, pero está claro que non era certo. Eu creo que unha das cousas que lle dá neste momento a Feijóo unha gran sensación de poder, é precisamente que o que vén non é o fraguismo. É o Partido Popular, con moitos partidarios como xa vimos, pero sen o fraguismo e eu creo que o propio Feijóo, está tendo un meticuloso coidado en facelo ver e iso, é un acerto.
17. ¿Vai ser Obama quen solucione os problemas dos Estados Unidos de América?
É un político excepcional e o que fixo xa sería suficiente para xustificar unha lexislatura. Non sei se é o que vai solucionar os problemas, pero desinflou a tensión que estaba implantando o gran perigo do mundo EE.UU. Inda que non temos diante o plan Obama, o que está claro é que vai pretender reforzar a UE, non atacala; conversar con Irán, non entrar en guerra. Nin vai pactar con Israel a calquera prezo. Parece que vai poñer as cartas sobre a mesa en relación co problema palestino, e que vai levar unha nova regulación internacional do sistema financeiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario