A ti, mamá.
-------------------
-Vou levar o burro
-Vai, veña... antes que me arrepinta. Pero,oíches Toñita,acouga...
Miña avoa xuraba en hebreo cada vez que a tía Toñita collía a Roxo, o único burro que había na casa. Non é que non lle simpatizara a tía, pero é que sempre que Toñita levaba a Roxo con ela a traballar, cansábao tanto que parecía que o burro ía morrer.
A verdade é que a tía Toñita andaba sempre ás présas, pero claro, se a miña avoa non lle deixaba a Roxo, Toñita enfadábase e non lle deixaba o arado, cando tivésemos falta del. As relacións na nosa casa ían así. Era un qui pro quo: ti déixasme isto, se queres que mañán non te falte esoutro.
O peor era cando alguén non devolvía a súa parte, entón había uns enfados de aquí a mañán.
O caso é que, con Roxo sempre pasaba algo curioso. Este burro, non facía honra á súa nomenclatura. Cando chegaba de traballar, tirábase na porta da casa. Entón a avoa dicía: "Nena, vai chamar a Manolo o xitano que este burro está nas últimas, polo menos que nos dean algo por el".
Entón eu ía correndo, triste polo burriño pero contenta porque Manolo, o xitano, sempre me daba algún agasallo. Cando chegábamos á casa, Roxo estaba en pé, máis forte que nunca. Non parecía o burro que facía unhas horas estaba morrendo, canso, moi canso.
Sempre que pasaba isto, unha vez cada tres meses máis ou menos (que era a frecuencia con que Toñita levaba a Roxo a traballar) eu morría de risa. Era moi gracioso ver como a miña avoa me mandaba ir a por Manolo, mentres Roxo se tiraba polo chan. "Está nas últimas" dicía a avoa. Era oír un "imos vender ó burro ao xitano Manolo" e Roxo recuperábase.
Ata que chegou o día en que o tivemos que vender de verdade. Roxo ía vello e, xa non daba para máis. Eu cheguei con Manolo e, vin que o burro non estaba levantado. Seguía moi canso, alí, tirado. Levouno por cinco mil pesetas. Chorei moito pero, pronto me volveu a risa cando me enterei de que Manolo pintara a Roxo e, o puxera tan guapo que parecía un cabalo novo.
De tal xeito que, Roxo foi vivir a unha casa de fartura e non soubemos máis del.
4 comentarios:
Como me houbera gustado coñecer a Roxo, a nosa burra chamábase cereixa jajajaaja que bonitiña era tamén me lembro coma hoxe de cando morreu. Que recordos!
Por certo xa teño a entrada para ir ver a Yann Tiersen asi que verémonos aló non?
cereixa, que bonito nombre.. oh como las vaquitas moradas del relato tuyo.
del mandil
Publicar un comentario